Un novo mundo tras o Covid-19

Imaxe de persoas con máscaras_Cedida

A crise mundial que se produciu en todo o planeta tras o paso da pandemia do coronavirus está a piques de producir cambios drásticos a nivel global. O mundo actual, tal e como o coñecemos, vai cambiar radicalmente. Este máis que presumible cambio de paradigma terá na biopolítica, big data e a ciencia os seus eixos principais.

A dualidade entre control estatal ou fortalecemento do poder cidadán será un dos alicerces neste cambio de dinámica. Hoxe en día, a tecnoloxía permite un control absoluto por parte do goberno da case totalidade da súa poboación. Se isto ademais sucede en países como China ou Rusia, onde a balanza entre dereitos cidadáns e “seguridade nacional” decántase sempre ao lado do control gobernamental, a situación é aínda máis clara.

Como resultado da crise do covid19, o control dos gobernos sobre o cidadán deixa de limitarse aos seus gustos, preferencias, filias, ideoloxía política, relixiosa, etc. Se este coñecemento do individuo é xa de seu, alarmante, como podemos cualificar o salto cualitativo nas novas medidas de control: temperatura, presión sanguínea, ritmo cardíaco? Sinxelamente aterrador. Estariamos ante o paroxismo do Big Data. Salvar vidas, pero a que custo?, con que intención? Teriamos que pagar co mal uso da nosa privacidade?.

Coa consolidación deste horrible medidor corporal, o sistema pasaría a implementar estas medidas dirixíndoas ao control das emocións. Calibrando reaccións humanas e comportamentos #ante tal ou cal discurso, programa, medida política, etc. Terreo abonado para que un suposto goberno totalitario impuxese o seu control sobre a poboación. Imaxinemos por un momento unha reacción de desaire e rabia ante un discurso de Fidel Castro ou Augusto Pinochet, por un cidadán oriúndo do país, no seu día. O Gran Irmán campando ás súas anchas. E é que o poñernos fronte á dicotomía saúde-seguridade, é a xogada mestra ao ataque da liberdade do individuo.

Este debe e pode, perfectamente, elixir as dúas cousas, ou a maneira que mellor equilibre ambas. Citando a máxima do hedonismo epicúreo: no equilibrio está a virtude, se este, ademais está en mans dunha sociedade educada, formada e polo tanto ben informada, todo será máis fácil. Ao contrario do que sucede en sociedades que xustifican as súas accións no ordeno e mando, así como no medo e o seu control. Outro alicerce importante do cambio na dinámica mundial radicaría noutra dualidade: globalistas contra nacionalistas.

Na situación de pandemia actual, conceptos como o de solidariedade internacional dentro do mundo global no que nos movemos, resultan esenciais á hora de coñecer os avances na loita contra a enfermidade. O descubrimento dunha técnica ou terapia que funciona nun hospital de Corea do sur permite que se aprenda e aplique co mesmo éxito en España, ao pouco tempo. Nese mesmo hospital español onde se aplicou o método coreano obtense outro avance, o cal se desenvolverá con resultado positivo en Canadá ao día seguinte, e así sucesivamente. Sanidade colaborativa co resultado de salvar moitas máis vidas, máis rápido e con máis calidade, que no suposto de non compartir dita valiosa información.

Por se isto fose pouco, permite crear estratexias comúns, exportar modelos de actuación e xestionar protocolos con resultados garantidos. Aforro de tempo, diñeiro e recursos, que se traduce en óptimos resultados na saúde dos infectados, maior protección para os facultativos e persoal sanitario e en correr menos riscos. Algo parecido sucede coa loxística. A coordinación entre países á hora de dirixir a produción cara ao que cada momento ou situación demande, así como na súa correcta e eficaz distribución, antóllase esencial. Con todo, o contexto xeopolítico no que nos movemos é o do receo entre países. Mesmo entre estados membros de macro entidades como é a Unión Europea xorden graves problemas que poñen en xaque a súa continuidade, á vez que cuestionan a súa utilidade. Algo inimaxinable ata fai ben pouco.

Baste como exemplo, o presunto intento de compra dos dereitos monopólicos dunha nova vacina do covid19 a unha empresa farmacéutica alemá por parte do goberno de Trump (portada do dominical de Die Welt titulado Trump vs Berlín). Tamén resulta relevante a crise e cuestionamiento do capitalismo financeiro e bolsista. Tras o golpe do 2008, a debilidade do sistema quedaría outra vez ao descuberto tras a brutal reacción dos mercados ao covid19.

Os diferentes gobernos do planeta teñen previsto reactivar plans Marshall, como o que salvou Europa tras a II guerra mundial, co obxectivo de frear a desastrosa situación económica mundial á que inexorablemente, vémonos abocados. Sen dúbida, nada volverá ser como antes e nas nosas mans está aprender a lección e esixir un cambio de rumbo cara a unha sociedade máis xusta, humana e igualitaria. Desta, sairemos, tarde ou cedo, con maior ou menor custo, pero sairemos. Da seguinte, quizais non.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO