Un OAR Coruña moi enchufado levou o derbi contra o Calvo Xiria (30-20)


O Calvo Xiria, viuse superado en todo momento por un conxunto Oarista que foi mellor e baseou o
resultado nunha sólida defensa que lle permitiu manexar o ritmo de xogo.
A pasividade coa que saíu o Calvo Xiria ao 40×20, pagouna en demasía con dúas exclusións nos
primeiros 10 minutos, cunha defensa individualizada, sen axudas; un ataque posicional afastado ao
que habitualmente nos ten acostumados, e a mala selección de lanzamento; minguaron desde o
inicio ao equipo que xa perdía por 5 goles mediada a primeira parte. O peor non era o resultado
senón que non se vía ningún indicio de reacción. Chegábase ao descanso con 15 a 8; á espera do
que puidese mostrar o segundo tempo.
Tras o paso por vestiarios, o Calvo Xiria propuxo unha defensa 5:1, para ver se lograba activarse e
recortar diferenzas. Pero a solidez que estaba a mostrar o Oar en defensa impedía calquera
achegamento; manexaba o partido ao seu antollo, e un Calvo Xiria frustrado viu como aos poucos a
diferenza foi crecendo ata os 10 goles. Dura derrota para finalizar a primeira volta, da que deberá
levantarse un equipo que a semana que vén ten un difícil compromiso, outra vez fóra de casa, o
domingo ás 12:30 contra Saeplast Bm Cañiza.