Un Obra desbordado cae en Málaga


Por 18 puntos de diferenza saía derrotado o Monbus Obradoiro do Martín Carpena de Málaga. O que supón o au revoir definitivo á posibilidade de conseguir billete para a próxima Copa do Rei. A celebrar, cousas do destino, na mesma cidade andaluza.

Facía alusión Moncho Fernández ás dificultades en ataque e ás perdas de balón, demasiadas este sábado, que lastraron ao equipo compostelán facendo imposible a consecución da vitoria. O primeiro cuarto foi de claro dominio galego. Cun Brodziansky (16 puntos, 7 rebotes e 20 unidades de valoración, MVP do partido, e Kravic, espectaculares. Apoiados nun bo Font (7 puntos de saída para finalizar con 11 en total), quen respondía que dá xenio a súa inclusión no quinteto titular.

Xogábase ao que quería Obradoiro, co dominio do rebote e o xogo interior como leit motiv, chegando ao final do cuarto con 19-26. No segundo cuarto cambiou o guión completamente. Os malacitanos axustaron a súa defensa mentres que os composteláns, á súa vez, perdían 8 balóns nese tempo. Ademais, Brizuela, quen finalmente puido xogar e Alberto Díaz facían dano desde a liña de 3 puntos.

Axustada a defensa ordenada por Luís Casimiro, Unicaja remontaba, concedendo tan só 12 puntos ao seu rival, para levar o parcial e o total do fin do primeiro tempo por 40-38, consumando así a remontada. Ambos os equipos ao túnel de vestiarios e na cancha producíase o momento máxico, o máis solidario e bonito cando ten lugar unha peluchada espectacular.

Choiva de bonecos para os máis desfavorecidos sobre o parquet malacitano, en vésperas de Reis. Comezaba o terceiro cuarto co conxunto verde impoñendo o seu tremendo físico. 10-2 de parcial para os andaluces quen marcaba o ritmo e deixaban ben ás claras quen mandaba no encontro. Faltaba carácter, notándose a ausencia de Muñoz e o lesionado de longa duración e a piques de reaparecer Kostas, quen, a pesar de vestirse de curto, non estivo onte para xogar aínda.

Dominio do rebote malacitano cun gran Carlos Suárez, máximo reboteador do encontro , con nove capturas, converténdose no terceiro reboteador histórico de Unicaja. Fin do terceiro cuarto con 62-51 no electrónico. O último cuarto, a pesar de iniciarse con 11 puntos de diferenza foi máis do mesmo, seguindo a tónica dos 2 anteriores. Os de Casimiro gañaron tamén este último acto. Os visitantes non lograron inquietar ao equipo local, o cal seguía anotando con suma facilidade, para acabar o partido co 85-67 final.

Bo primeiro cuarto para o santiagueses pero mal nos tres seguintes. Unicaja foi quen de ler mellor o partido e adaptarse, dominando o encontro baseándose nunha intensa defensa e un físico prominente. Logrando sacar do encontro aínda Obradoiro que non soubo estar á altura. Adeus á Copa e próximo partido na casa ante San Pablo Burgos o sábado 11 de xaneiro ás 18 h. Oportunidade para lograr a oitava vitoria e completar unha gran primeira volta coa pantasma do descenso afastado momentaneamente.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO