Un Obra imperial tumba ao Valencia

Venceu Monbus Obradoiro, 86 a 83 ao Valencia basket, nun partido de acción trepidante que se dirimiu nos últimos segundos, mercé a unha canastra espectacular de Mike Daum, que adiantaba aos galegos por 2 puntos. Acción posterior con falta na que Valencia non era quen de empatar pois só anotaba un tiro libre, deixando a diferenza nun punto, a cal era finalmente coroada por Czerapowicz quen anotaba os 2 tiros dunha antideportiva taronja á desesperada. Xornada tardía a deste domingo ás 20 h no multiusos Fontes do Sar, pois os levantinos xogaran entre semana o seu partido de Euroliga ante o todo poderoso CSKA de Moscova na capital rusa. Aterrando na capital de Galicia xa en venres, para afrontar o partido da xornada 19 da liga ACB. Nos prolegómenos do encontro homenaxeábase ás seleccións galegas, tanto masculina e feminina, das diferentes categorías que nos representaron nos recentes campionatos de España. Bonito mosaico de mocidade e chandals da federación galega sobre o parqué de Sar. Ao mesmo tempo, a noticia da morte da icona do basket, Kobe Bryant e a súa filla en accidente de helicóptero empezaba a correr como un regueiro de pólvora entre a afección santiaguesa, deixándoa impactada e pampa.

Comezaba o primeiro cuarto cun gran acerto para os locais, quen dunha plumada convertían os 3 primeiros triplos sen fallo. Abrindo a primeira brecha no marcador #ante un equipo levantino, con todo, ben dirixido de inicio por Vives, tanto en defensa como en ataque. Final do primeiro cuarto con 21-15. A continuación chegaba a quenda do de sempre, Deixan Kravic (14 puntos, 6 rebotes para asinar 18 de valoración) que con accións de gran mérito disparaba a vantaxe galega aos 10 puntos, 30-20. Contrarrestados sobresalientemente polo equipo da cidade do Turia, onde o veterano San Emeterio (20 puntos, 5 rebotes, 21 de valoración) brillaba e mantiña ao seu equipo, mesmo volteando o marcador, 2-13 de parcial, a 4 minutos do descanso e 32-33 para os de Ponsarnau. A pesar de todo, continuaba Obradoiro cunha excelente porcentaxe e acerto no tiro exterior, o que lle faltou en Andorra recuperábao en casa, chegando ao descanso cun 44-42. O Obra xogaba moi ben pero sentía a respiración de Valencia no cocote. Pouco premio para semellante esforzo e despregamento ofensivo. Tras o paso por vestiarios comezaba o terceiro cuarto con protagonismo para a parella valenciana formada por Dubljevic (12 puntos, 7 rebotes, 19 de valoración) e Labeyrie, dominando a pìntura, anotando e reboteando con solvencia (batalla do rebote claramente valenciana, 35 por 24 galegos). Mentres tanto, polo lado compostelán, aguantaban o partido os tiros de Magee e Brodziansky, deixando o partido nun pano. Nese momento, San Emeterio e un desquiciante trío arbitral fixeron que as diferenzas subisen para Valencia, 61-68, parecendo que a inesgotable loita galega empezaba a claudicar. Nada máis lonxe da realidade, Obradoiro #agarrar a calquera posibilidade como a un cravo ardendo e cunha defensa agresiva e unha serie de perdas provocadas polo tesón, marca da casa, fixo que se puxesen a tan só 2 puntos, tras triplo do mellor do partido, Czerapowicz (15 puntos, 3/4 triplos, 3 rebotes, 4 asistencias, asinando 21 de valoración), 68-70. Culminando a remontada o belga Maxime De Zeeuw con outro triplo, 75-75, entrando xa no tempo sen retorno, cando non se pode dubidar, cando non se pode errar. Novo triplo de Czerapowicz e 82-81.A continuación, un rebote ofensivo de Labeyrie con falta persoal e un dos 2 tiros anotados, empataba o partido. A falta de 8 segundos, balón para Mike Daum quen o pedía con insistencia, sen engurrarse nin esconderse e anotando un canastón na cara de Motum, 84-82. Última xogada para Valencia e Obradoiro fai falta a Van Rossom, quen anota o segundo, tras fallar, 84-83. Falta rápida do cadro taronja que só cometera 3 e non estaba en bonus, o cal favoreceu aos santiagueses quen sacaba outra vez de banda, o tempo corría e, outra vez Czerapowizc, foi capaz de escapar da presión, correndo os xusto para que lle fixesen unha antideportiva. Anotando os 2 puntos e bóla para Obra.

Non houbo tempo para máis, 2 segundos e San Emeterio xa nin sequera amagou con facer falta sobre Pozas. Oitava vitoria galega, balón de osíxeno importantísimo ante a dura costa de xaneiro. Segue o colchón sobre o descenso e mirando cara a play off con ilusión. De encadear unha serie de vitorias seguidas e con respecto das lesións, todo pode ser.

Próximo partido contra Baxi Manresa, novamente en Sar, o sábado 1 de febreiro ás 18 h, equipo con 8 vitorias e un posto por encima de Obradoiro. Oportunidade de ouro para adiantalo, gañarlle o average e situarse moi preto dos postos de gloria. Ora ben, sen nunca esquecer a perspectiva e o verdadeiro obxectivo, que non é outro que a permanencia.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha