Un Obradoiro sen temón cae en Murcia

Cedida.

Saía derrotado o pasado domingo Obradoiro na súa visita a Murcia ante UCAM por 93 a 76.

As claves da derrota estiveron no rebote ofensivo, contraataque e a intensidade física despregada polos pimentoneros no xogo sen balón. Xa o anticipaba Moncho Fernández na previa, como os aspectos para ter máis en conta á hora de enfrontarse aos de Sito Alonso.

Outra das claves, coñecida e explotada por UCAM, estivo na baixa de Pepe Pozas. E é que, a lesión do capitán obradoirista xunto coa de longa duración do base turco Özmizrak, chamado a ser titular, lastraban de forma considerable a capacidade de Obradoiro de xerar xogo con garantías desde a posición de base. A responsabilidade recaía en Oliver, con 42 anos, e no mozo canteirán Rafa García. Se o primeiro está para suplir a un hipotético primeiro espada, o segundo carece de continuidade e experiencia para tan magna tarefa.

Sito Alonso, coñecedor da situación, ía tratar de aproveitar esta debilidade con insistencia. Meu dito meu feito, primeiro balón que botaba Rafa García para iniciar o encontro, saíndo no quinteto titular, supuxo o primeiro roubo pimentonero, para anotar os 2 primeiros puntos. Era o preludio do que estaba por vir e as cuantiosas perdas que os de Santiago ían conceder, un total de 16 por 6 locais.

Ademais, o escaso acerto do tiro exterior, con 23 de 58 en tiros de campo e un paupérrimo 7 de 29 en triplos, supuxo demasiado lastre para saír vitorioso do Palacio de Deportes de Murcia.

Arrincaba o partido con erros a ambos os dous lados, pero con intensidade. Cohen anotaba o primeiro triplo visitante, pero Jordan Davies (18 puntos, 1 rebote, 3 asistencias e 11 de valoración) penetraba con acerto constante, 14-8 no minuto 6.

Empezaba Obradoiro a dominar o rebote e anotando na pintura con Birutis (13 puntos, 6 rebotes e 18 de valoración) resolvendo, pero cun desequilibrio manifesto entre xogo interior e exterior, adoecendo este último de acerto e consistencia. Desta forma e con intensidade, Murcia salvaba o primeiro envite, 25-22 ao final do primeiro cuarto cunha canastra de 2 puntos de Tomás Bellas sobre a bucina.

No segundo cuarto, baixou a anotación e os erros aumentaron considerablemente. Con tan só 8 puntos, Murcia dominaba o ecuador do cuarto, 33-26. Robertson mostrábase especialmente fallón, 1 de 12 en triplos, a pesar de anotar 14 puntos. Unicamente a dupla formada por Birutis e Cohen ( mvp con 20 puntos, 3 de 4 en triplos, 4 rebotes para asinar 23 unidades de valoración) achegaban ao caudal anotador compostelán na pintura. Pechábase o segundo cuarto con 8 puntos de diferenza, 43-35 no minuto 20 e ambos os conxuntos a vestiarios. Mala situación, pero “liquidada”, pois as porcentaxes eran para ir aínda máis abaixo no luminoso.

Tras o descanso reaccionaban os de Moncho Fernández, 7-0 de parcial e axustaba o luminoso a un só punto de diferenza, 43-42 no minuto 24. Lima, quen se atopaba cargado de persoais con 4, significaba unha excelente noticia para os visitantes. Con todo, o chamado a substituírlle Cate (10 puntos, 6 rebotes, 2 asistencias e 21 de valoración), supliulle á perfección, converténdose no mellor xogador rojillo. Acompáñolle na pintura o ex- obradoirista Radovic, e entre os 2 estiraron a vantaxe local, 65-55 para finalizar o terceiro cuarto.

Collía o temón visitante Oliver para xogar o último cuarto, pero as vantaxes non minguaban. Técnica a Moncho Fernández por protestar con 12 de diferenza para os murcianos, minuto 33.

Pouco despois, Cohen lideraba un simulacro de reacción. Ademais, Birutis anotaba un 2+1 e balón para os visitantes con 6 abaixo. Entón Beliauskas errou un triplo para deixar o encontro en 3 puntos e 4 minutos por xogar. Aí estivo o partido pois á seguinte, Oliver comete falta a Dei Leo (14 puntos, 2 rebotes e 1 asistencia e 15 de valoración), quen anota un triplo e a falta adicional, 3+1, xogada de 4 puntos e vantaxe de 10 para UCAM, que xa non a desaproveitou. Pasábase nun instante de poder meterse en partido con opcións, a ter que volver remar na tormenta, que xa ennegrecía o panorama en demasía.

Os últimos minutos foron de precipitación visitante e contraataques pimentoneros, onde máis cómodos atópanse e xogando ao que mellor saben facer. Faltaba por coñecer o resultado final que foi 93-76. 17 puntos de diferenza, quizais excesivos e que se produciron polo hándicap Pozas e o desacerto descomunal do lanzamento exterior, todo iso aderezado coa permisividade visitante cara a todo aquilo que UCAM fai ben, e que conseguiu realizar, por momentos, con moito acerto.

Pecha o equipo galego o 2020 coa décima derrota. Próxima estación, multiusos Fontes do Sar ante Estudiantes, o domingo 3 de xaneiro ás 17 horas. Boa oportunidade para iniciar o 2021 con vitoria e volver coller aire.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO