Un operativo antiincendios enviado desde Galicia contribuíu á extinción do lume en Ávila

1 minutes read

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, acompañado polo xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, enxalzou o labor do operativo antiincendios enviado pola Xunta para contribuír á extinción do lume que afecta distintas localidades de Ávila. Así o dixo na recepción deste dispositivo que ao longo de dúas xornadas actuou en distintos puntos quentes do incendio, chegando a atallar un dos focos tras ser alertado por veciños da zona.
En concreto, a Consellería do Medio Rural desprazou a territorio abulense -na medianoite do domingo- catro brigadas, dous axentes, un técnico e dúas motobombas pertencentes ao Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais (SPIF) de Galicia. Pola súa parte, a Axencia Galega de Emerxencias (Axega), dependente da Vicepresidencia primeira, aportou un camión cisterna que se encargou de abastecer de auga as motobombas.
Así, durante dous días de traballo, o operativo galego foi mobilizado para intentar controlar o lume concretamente nas localidades de Navalmoral e Navalacruz, sendo este último o punto onde se orixinara o lume o pasado sábado. No marco desta intervención, a cisterna da Axega subministrou 86.800 litros de auga ás motobombas do SPIF, pero tamén a dispositivos de intervención doutras comunidades que tamén acudiron a extinguir o lume.
Deste xeito, o director xeral de Defensa do Monte quixo poñer en valor o traballo conxunto realizado con efectivos antiincendios desprazados dende outras autonomías, sinalando que non dubidará en volver colaborar cando sexa necesario. Nesa liña, Manuel Rodríguez quixo agradecer ademais as mostras de afecto recibidas tanto por parte das autoridades abulenses como de diversos colectivos e veciños da zona.