Os feitos producíronse na tarde do pasado venres, cando un mozo paciente de urxencias chegou á consulta médica, acompañado pola súa nai, insultando ao persoal polo tempo de espera. Segundo o centro, ao pasar o filtro de consulta foi catalogado como leve, polo que pasaron antes outros pacientes.
Cando lle explicaron que había cousas máis urxentes, o mozo ameazou con marchar, mentres expresaba insultos con carácter racista ao doutor, de orixe latinoamericana. En concreto, díxolle ao médico: «Só vides aquí roubar», entre outras cousas. No momento en que parecía que se ía, deuse a volta e propinoulle unha puñada no ollo ao facultativo, causándolle un hematoma.
Os sanitarios de Urxencias deron o aviso ao persoal de seguridade e á Garda Civil, que se presentaron no lugar dos feitos. Finalmente, o agresor abandonou as instalacións entre insultos cara ao resto do persoal. O médico presentou a correspondente denuncia ante a Garda Civil.