Un paseo polos espazos do Carballo de 1929 pechará o programa da Semana Europea da Mobilidade

2 minutes read

A Semana Europea da Mobilidade rematará este domingo en Carballo cunha ruta pola historia. Máis ca unha andaina será un paseo da man do historiador local Xan Fraga, polos edificios e os espazos emblemáticos do Carballo de 1929. Porque este ano celébrase o 90º aniversario de símbolos do pobo como a Praza da Liberdade (hoxe Praza de Galicia), o mercado municipal e as escolas do xardín (actualmente ludoteca), e aproveitando a efeméride o Concello ven de editar, coa colaboración da Agrupación Cultural Lumieira, unha publicación conmemorativa que repartirá a todas as persoas que se unan este domingo á iniciativa.

O punto de encontro será a Ludoteca Municipal ás 12.30. Volveráse a instalar na feira o stand de Mobilidade Carballo con discos da zona azul, información sobre a ordenanza de tráfico e un agasallo especial para todas as persoas que se acheguen en bicicleta. Nun acto presidido polo alcalde, Evencio Ferrero, e ao que están convidadas a corporación e toda a veciñanza, inaugurarase unha placa conmemorativa do 90º aniversario da Ludoteca, cuxa historia que relatará Xan Fraga con todo luxo de detalles. Dende alí, e despois de coñecer tamén a orixe do actual mercado municipal, as persoas participantes realizarán un paseo pola rúa Coruña ata a Praza de Galicia, onde se descubrirá outra placa.

Últimas actividades

Carballo é unha das máis de 2.000 cidades de todo o mundo que participan este ano na Semana Europea da Mobilidade, unha iniciativa da Unión Europea para promover medios de transporte sostibles. Carballo súmase á iniciativa por cuarto ano consecutivo, cun programa que segue medrando en actividades e participación. Este ano conta coa colaboración dos clubs ciclistas Media Ducia, Monteneme e CCCarballo, Asociación de Veciños Santiago Apóstol de Sísamo, Lumieira, Un paso máis, Senda Nova, Protección Civil, Policía Local, Turismo Carballo, entidades sociais, colexios e institutos.