Un paso Máis é unha agrupación deportiva que traballa pola integración social e a convivencia plena dos nenos e nenas con diversidade funcional a través do deporte adaptado. Dende a súa xunta directiva emitiron un comunicado no que queren expresar o seu agradecemento ao Concello de Carballo por atender á súa petición e organizar unha recepción dos Reis Magos adaptada ás necesidades dos nenos e nenas con especial sensibilidade.
O pasado venres 5 de xaneiro, máis de 30 familias participaron nesta iniciativa que permitiu aos seus fillos e fillas vivir un momento máxico e inesquecible. “Para algúns de nós, foi a primeira vez que puidemos compartir cos Reis e recibir os seus agasallos”, afirman.
Dende Un Paso Máis “valoramos moi positivamente esta acción, que demostra o compromiso do Concello de Carballo coa inclusión, a convivencia e a diversidade. Tamén queremos agradecer a colaboración dos voluntarios e voluntarias que fixeron posible esta experiencia, especialmente ás docentes que, estando de vacacións, achegáronse ao Pazo da Cultura para botar unha man e compartir a experiencia connosco”, conclúen dende a agrupación carballesa.