Este pasado sábado, a Agrupación Deportiva Un Paso Máis volveu participar con moita ilusión na ‘Carrera ENKI’ da Coruña, unha cita na que afirman xa se sentirse coma da casa. Como cada ano, as familias da entidade compartiron unha tarde chea de risas, movemento, disfraces e encontros que lles fan sentir parte dunha comunidade diversa, alegre e comprometida coa inclusión.
Este ano, ademais, a experiencia veu con premio! Grazas a súa participación, Un Paso Máis foi agasallada cunha actividade de ocio moi especial: !a experiencia de voar en parapente! Un agasallo que lless enche de emoción e que poderán gozar as familias que estiveron presentes na carreira.
Dende Un Paso Máis agradecen á ENKI, ás persoas voluntarias e a todas as entidades participantes por facer posible este espazo tan necesario, onde o xogo e a diversidade camiñan da man. «Para nós, é moito máis que unha carreira: é un encontro que nos recarga de enerxía e nos lembra que xuntas e xuntos podemos voar máis alto.», afirman
E falando de enerxía, xa están quencendo motores para a segunda parada dos seus Obradoiros de Familias. A primeira xornada foi todo un éxito, con moi boa acollida por parte das familias participantes, que valoraron especialmente o ambiente de confianza e aprendizaxe compartida. Por iso, lembran que as prazas son limitadas e que é recomendable anotarse canto antes para asegurar participación.
A seguinte sesión será o sábado 8 de novembro no Casino de Carballo, e leva por título «Nutrir as rutinas. Apoio á alimentación nos nenos/as». Estará a cargo da terapeuta ocupacional especializada Lucía Pérez Fernández, quen lles guiará nun espazo práctico e afectivo para reflexionar sobre os hábitos alimentarios na infancia e como acompañalos desde o fogar. Calquera se pode apuntar na páxina web da asociación: www.unpasomais.org
Para facilitar a conciliación, mentres os pais e nais participan no obradoiro, os máis pequenos poderán quedar a bo recaudo en O Recreo, un espazo divertido e seguro pensado especialmente para eles. Porque aprender e compartir tamén é posible cando todas as partes da familia están ben atendidas.
Por último, queren lembrar que aínda que as actividades extraescolares están completas neste momento, teñen habilitadas listas de espera por se xorden vacantes ao longo do curso.