Un incidente cun patinete puxo en alerta aos servizos de emerxencias de Narón. O vehículo comezou a arder mentres estaba enchufado á corrente eléctrica e provocou unha intensa fumareda na vivenda localizada na Rúa Xoán XXIII, na parroquia de Xubia. Pese ao susto, ninguén resultou ferido.
O 112 Galicia recibiu a chamada de alerta dun dos moradores do inmoble. O alertante indicaba que tiña a casa chea de fume despois que un patinete eléctrico empezara a arder no interior dunha das estancias. Segundo se lle indicou ao 112, o lume estaba apagado, pero necesitaban a axuda dos medios de extinción para descartar calquera perigo.
Así, desde o 112 Galicia púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros de Narón e dos axentes da Policía Local.
Tras realizar as comprobacións necesarias, o equipo de extinción tratou de ventilar a vivenda.