Un pescador rescatado, tres ciclistas atropelados e un menor grave tras unha caída dun tellado

Helicóptero medicalizado

Un pescador rescatado polo Helicóptero Pesca I ao caer nunha zona rochosa en Fisterra
Un home que pescaba na zona de Punta Cabana, en Fisterra, resultou ferido esta mañá ao caer desde unha altura de tres metros a unha zona rochosa e de difícil acceso.

Ata o lugar desprazouse o helicóptero do Servizo de Gardacostas de Galicia, o Pesca I, que rescatou ao pescador e o trasladou ata o Hospital de Cee.

Os feitos tiveron lugar ao redor as 11:30 horas e ata o punto desprazáronse tamén os efectivos sanitarios, membros de Protección Civil e axentes da Policía Local.

Tres ciclistas foron atropelados e un deles tivo que ser trasladado no Grove
Tres persoas que montaban en bicicleta foron atropeladas no Grove, concretamente en Ardia. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, un deles tivo que ser trasladado ao Hospital Domínguez.

Ocorreu ao fío das 11:10 horas. Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para alertar do sucedido.

Decontado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasou o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local, ao Servizo Municipal de Protección do Grove, ao GES de Sanxenxo e aos Bombeiros de Ribadumia.

Un menor evacuado en helicóptero despois de caer desde o tellado dunha fábrica abandonada ao interior da nave en Maside
Un menor resultou ferido de gravidade esta tarde en Maside ao caer desde o tellado dunha fábrica industrial abandonada ao interior da nave. O mozo, que no momento dos feitos atopábase acompañado doutros menores, tivo que ser trasladado nun helicóptero medicalizado ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Os feitos sucederon no lugar de Listanco, na parroquia de Armeses, ao fío das 17:10 horas. Nese momento, un dos menores que acompañaba ao mozo que caeu ao interior da fábrica contactaba co 112 Galicia para alertar do sucedido.

Acto seguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxo a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, que mobilizou ata o punto a aeronave. Ademais, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención dos axentes da Garda Civil e dos Bombeiros do Carballiño, que colaboraron na evacuación do ferido ata o helicóptero.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha