Un positivo en Covid-19 na Escola Infantil de Vimianzo obriga a activar o protocolo sanitario


  • Todos os nenos que estiveran en contacto coa persoa afectada deberán estar en illamento durante 10 días

O Concello de Vimianzo informou na tarde deste xoves do resultado positivo por Covid-19 dunha das traballadoras da Escola Infantil, polo que se activaron todos os protocolos sanitarios pertinentes. A dirección do centro atópase en contacto constante coa Consellería de Sanidade, que é o organismo competente nesta materia, para acordar unha liña de actuación.

Todos os nenos que estiveran en contacto con esta persoa terán que permanecer en illamento domiciliario durante 10 días de xeito preventivo, e realizaráselles unha proba diagnóstica PCR.

A aula de 2 a 3 anos, a cal será desinfectada de xeito integral, e o servizo de transporte, seguirán funcionando como ata o de agora. As nenas e nenos das aulas afectadas que non acudiran á Escola Infantil estes días, e que polo tanto é imposible que estiveran en contacto coa persoa que deu positivo, poderán acudir ao centro con total normalidade.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, pídelle aos veciños ‘tranquilidade’ e amosa o ‘total compromiso do Concello para atallar a problemática desde o minuto cero’.