- No colexio Manuela Rial Mouzo, en Cee, tamén hai un caso rexistrado
Este luns representantes do Sergas mantiveron un encontro telemático cos alcaldes de varios municipios da comarca de Bergantiños. Segundo os datos facilitados polas autoridades sanitarias, que por primeira vez na pandemia ofreceron cifras de casos activos en todos os concellos da contorna, a día de hoxe en Bergantiños hai 164 casos activos: 66 en Carballo e 32 en Ponteceso.
Dende o establecemento de medidas restritivas en Carballo e A Laracha o pasado xoves 3 de setembro, ampliadas posteriormente a Ponteceso e Laxe, na comarca de Bergantiños produciuse un descenso no número de casos activos de 27 persoas.
No relativo á situación de Ponteceso, o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou que as probas PCR son o motivo polo cal se detectan tantos positivos no municipio. “Sen miralo en concreto os motivos son as PCR, pois fixéronse moitas derivadas de contactos”, explicou o Conselleiro, quen pedirá que se analice este caso en concreto.
Aulas pechadas por casos internos. Durante esta fin de semana coñeceuse un positivo por PCR que corresponde a un alumno do CEIP Nétoma-Razo. Por parte da dirección do colexio activouse o protocolo establecido pola Xunta de Galicia e solicitouse a colaboración do Concello de Carballo para realizar unha desinfección especial tanto da aula do alumno afectado coma dos espazos comúns. A desinfección levouse a cabo o mesmo domingo. O centro mantén a súa actividade, á espera da evolución dos datos, aínda que a Consellería de Educación suspendeu a actividade nese nivel, segundo engaden fontes municipais. Así mesmo, a edil de Educación de Carballo, Mar Eirís, está en contacto permanente coa directora da escola.
O colexio Manuela Rial Mouzo de Cee tamén tivo que activar o protocolo da Xunta polo positivo dunha mestra.