Sergio Nunes, profesor de secundaria do IES de Rodeira, en Cangas (Pontevedra), entregou na delegación da Consellería de Educación da cidade do Lérez máis de 12.000 firmas que reuniu grazas á plataforma change.org para esixir á Xunta unha volta ao colexio segura.
«Cremos que hai cousas que se poden facer aínda que só queden 15 días» para o inicio do curso escolar, dixo Nunes, que lembra que a loita por garantir a seguridade de alumnos, persoal laboral e familias comezou en xuño, pero a Consellería «non quixo modificar nin negociar nada».
Nunes, sinala que aínda que o protocolo da Xunta «é exhaustivo, falla no fundamental», porque «o principal é que os rapaces vaian á clase, xa que é a única forma de compensar as diferenzas económicas» que xera a educación en liña, e para iso faltan medidas de seguridade.