Os feitos remóntanse ao mes de marzo cando a Garda Civil, dentro dos contactos habituais que se manteñen cos centros educativos, é informada de que se presentaron queixas na dirección dun dos centros, onde se facía constar a mala praxe dun profesor. A denuncia recollida a través do centro, facía referencia a que un docente, que exercía as súas funcións como substituto no centro educativo, creara un grupo de What´s App cos seus alumnos, cuxo contido constaba de imaxes e conversacións nas que se facía referencia e apoloxía ao consumo de substancias estupefacientes, así como conversacións de índole sexual.
No marco das investigacións, a Garda Civil tivo acceso ás conversacións mantidas entre o devandito profesor e os alumnos, podendo comprobar a veracidade das mesmas e a existencia do material audiovisual compartido. Nalgúns dos vídeos, o docente mostraba supostos alumnos doutros centros nos que exercera, fumando substancias psicotrópicas na súa vivenda.
Este comportamento non só se producía vía redes sociais, o profesor durante as horas lectivas, establecía conversacións de índole sexual cos menores e chegaba a expoñer a posibilidade de conseguirlles bebidas alcohólicas e marihuana, como manifestaba facer cos seus anteriores alumnos. Ante a gravidade dos feitos investigados, a Garda Civil solicitou a colaboración da Consellería de Educación da Xunta de Galicia para ter acceso aos diferentes Centros Educativos nos que impartira docencia. A forza instrutora mantivo contacto con todos estes Centros Educativos, repartidos polas catro provincias galegas. En todos eles, a súa estancia fora moi corta por diferentes baixas laborais. Con todo, nun centro situado na provincia de Lugo, manifestaron que no seu día os alumnos expuxeran ao profesorado incidencias similares.
De igual forma que no centro da Costa da Morte, cando a dirección do dentro abría unha investigación, o docente ausentábase alegando diferentes baixas médicas. Ante a similitude no seu comportamento, indagouse sobre a orixe das mencionadas baixas médicas, observando incongruencias en varias das mesmas. Tras contactos cos diferentes centros hospitalarios, algún deles en Asturias, chegouse a comprobar a falsidade dalgúns dos xustificantes.
Unha vez realizadas todas estas investigacións, o Posto da Garda Civil de Vimianzo procedeu a investigar ao docente por delitos Contra a Saúde Pública e por delitos de Falsidade Documental.
O Código penal Español cualifica como delito o promover, favorecer ou facilitar o consumo ilegal de drogas tóxicas considerando agravante que estes feitos sexan realizados por un docente ou educador no exercicio da súa profesión.
Cabe destacar que a absoluta colaboración da Consellería de Educación da Xunta de Galicia como a dos diferentes centros educativos foron fundamentais para o total esclarecemento do acontecido. As investigacións mantéñense abertas ante a posibilidade de máis menores de idade afectados.