A sección cuarta da Audiencia de Pontevedra xulgará a vindeira semana un profesor de matemáticas dunha academia privada acusado de abusar sexualmente de dúas alumnas mentres eran menores de idade.
No caso dunha das alumnas, recolle o escrito de acusación fiscal, os feitos sucederon entre outubro de 2012 e xuño de 2015, cando, supostamente, o profesor lle realizaba tocamentos e a bicaba sen o seu consentimento. A moza denunciou en 2020, cando xa era maior de idade.
Á segunda alumna agredida, apunta o Ministerio Público, o acusado enviáballe ” frecuentes mensaxes de WhatsApp con explícito contido sexual e bicábaa sen o seu consentimento”. Neste caso, os feitos sucederon en 2018 e 2019 e foi a nai da vítima a que denunciou en 2020.
Penas de prisión
O fiscal pide para o home oito anos e tres meses de prisión polos dous delitos de abuso sexual ás menores, así como que se manteña afastado delas por un período entre cinco e oito anos. Tamén reclama que sexa inhabilitado para exercer como profesor durante seis anos e para calquera traballo relacionado con menores de idade por un período de 10 anos.
Para alén diso piden para a primeira das vítimas 18.000 euros e 15.000 euros para a segunda.