Un proxecto do IES de Ponteceso finalista do XI Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos

1 minutes read

O próximo venres os alumnos do Club de Ciencias do IES Eduardo Pondal de Ponteceso defenderán na Facultade de Matemáticas da USC o seu proxecto “Lobo ou can, ti que dis?” seleccionado entre os tres finalistas na categoría de 3º e 4º da ESO. Organizado pola Sociedade Galega para a promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO), este concurso premia proxectos de estatística e investigación entre alumnos de secundaria de Galicia. O estudo seleccionado é un proxecto de ciencia cidadá que busca dar resposta a unha pregunta repetida: Somos capaces de distinguir un lobo dun can? Tras obter case mil respostas en apenas tres semanas o estudo estatístico levou a unha conclusión que Brenda Rodríguez, Tomás Varela, Elena Torrado, Martín López e Yanira Castro defenderán nun acto que terá lugar o venres 11 de xuño en Santiago de Compostela acompañados pola profesora Clara Regueira.