Un sistema Big Data permitirá coñecer o perfil dos turistas que nos visitan


A Xunta de Galicia iniciou esta semana o proceso de licitación para contratar a construción e posta en marcha dun sistema de información intelixente de turismo cun valor estimado de máis de 1,5 millóns de euros.

O sistema permitirá á Axencia Turismo de Galicia dispoñer de información analítica avanzada, mediante o uso da tecnoloxía BigData, sobre gasto turístico, reservas turísticas, ocupación, mobilidade ou sentimento e opinión de turistas e cidadáns.

A implementación e explotación dun sistema de BigData turístico é parte do proxecto Eurorrexión destino Turístico Intelixente (EDIT), no que participan a Axencia Turismo de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), xunto con socios do Norte de Portugal, e que conta co respaldo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

As empresas interesadas na prestación deste servizo disporán ata o 20 de maio para a presentación de propostas a través do Portal de Contratos Públicos de Galicia.