- O home saíu do vehículo polos seus propios medios, e a carga quedou intacta
Un camión que transportaba trinta mil litros de gasóleo envorcou na mañá deste luns cando circulaba pola AP-9, á altura de Vigo e en sentido A Coruña. A carga quedou intacta e o condutor do tráiler puido saír polos seus propios medios, aínda que finalmente foi trasladado en ambulancia a un centro médico.
O suceso produciuse ao fío das 13:00 horas, cando varios particulares alertaron ao 112 Galicia do incidente, e a circulación non se normalizou ata as 16:00 horas. De inmediato se puxo en marcha un operativo no que participaron os Bombeiros de Vigo, Garda Civil de Tráfico, Policía Local de Vigo, Protección Civil e o servizo de mantemento da estrada.
O tráfico quedou interrompido en dirección á A Madroa e tamén na incorporación desde a A-55, no Alto de Puxeiros, mentres os servizos de emerxencia garantían as condicións de seguridade na vía.
Un coche continúa a marcha despois de atropelar a unha muller en Vigo
Ademais, na cidade olívica unha muller necesitou asistencia médica ao ser atropelada por un vehículo que continuou a marcha despois do impacto.
Sucedeu na Rúa Teixugueiras, preto das 14:15 horas. Nese intre, o 112 Galicia tivo coñecemento do suceso a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e, a partir de aí, o persoal de Emerxencias 112 Galicia alertou dos feitos á Policía Local, aos Bombeiros de Vigo e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da cidade.