Ferido de gravidade un dos ocupantes dun turismo tras unha saída da vía en Carballo

1 minutes read

O accidente producíase minutos antes das dez da noite deste mércores, consistiu nunha saída da vía dun turismo no primeiro quilómetro da estrada DP-1914 que une Carballo con Portomouro e a súa vez con Santiago de Compostela, a uns cincuenta metros da estación de servizo Cepsa-Mingacho. Segundo as primeiras hipótesis de testigos presenciais, o coche, un Opel vermello, circulaba dirección a Carballo, ao sobrepasar a curva existente no alto da Brea e encarar a recta dirección a rúa Compostela, presuntamente atravesaría o carril contrario e o arcén, chocando contra o peche dunha vivenda, campaneando e quedando ubicado nunha leira anexa, totalmente fóra da estrada. Segundo os servizos sanitarios, o acompañante do condutor levou a peor parte, resultando ferido de gravidade. Ao lugar desprazouse unha patrulla da Policía Local, que tivo que empregarse a fondo para regular o tráfico rodado, mentres os bombeiros do parque de Carballo mobilizados polo 112 realizaron tarefas de limpeza da vía correspondentes aos restos do accidente.

O portal e o peche da vivenda quedaron esnaquizados tras o impacto do turismo, que aparecen na leira do lado.
Estado do peche da vivenda antes do accidente.