Un veciño da Laracha perdeu a vida logo dun accidente entre dous coches e un camión en Culleredo

1 minutes read

A vítima tivo que ser excarcerada, así como outro ferido implicado. O 112 Galicia recibiu o primeiro aviso por mor deste suceso un cuarto de hora antes das cinco da tarde. O alertador explicou que se producira un accidente de tráfico entre un camión de caixa e dous turismos, sobre o quilómetro 4 da AC-523. Ademais, indicou que podía haber xente atrapada nalgún dos vehículos.

Con esta información, desde a Sala de Operacións do 112 Galicia deuse aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Arteixo, á Garda Civil de Tráfico e á Policía Local.

A dotación de Bombeiros tivo que intervir para liberar a unha persoa nun dos turismos, a cal estaba falecida, tratándose dun veciño da Laracha de 36 anos. No outro coche tamén foi preciso empregar o material de excarceración para liberar a unha muller ferida, que logo sería atendida polo persoal sanitario.