A Garda Civil da Compañía de Santiago e o Posto Principal de Carballo investigaron a un veciño da capital de Bergantiños como presunto autor do delito de furto da escultura de bronce denominada Atlante, situada no faro de Punta Nariga en Malpica.
Os feitos ocorreron por mor da denuncia interposta na Comisaría Nacional da Policia na Coruña pola Autoridade Portuaria desta cidade, comunicando que o día 15 de marzo do ano en curso autor ou autores descoñecidos subtraeran a emblemática escultura de bronce denominada Atlante no faro de Punta Nariga en Malpica de Bergantiños. A mesma fora cortada de raíz cunha radial.
A Garda Civil iniciou unha investigación en aras de constatar a veracidade dos feitos, a recuperación da mesma e a identificación do autor ou autores no seu caso. Os compoñentes do Equipo Roca de Santiago de Compostela e o equipo de Investigación de Carballo das mencionadas unidades lograron, pescudar que a persoa agora investigada tratou de vender a estatua partida nunha chatarrería de Alvedro, Abegono (A Coruña).
Polo momento descoñécese o valor da peza, pendente de informe da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia acerca da consideración como ben de interese artístico ou cultural. A Garda Civil procedeu á investigación desta persoa como presunta autora dun delito de furto.
