Un veciño de Cualedro aparece sen vida a carón dun tractor sinistrado

1 minutes read

A xulgar polo estado do tractor, os Bombeiros de Verín pensan que o vehículo envorcou e mesmo deu varias voltas de campá. O condutor apareceu ao lado, falecido, pero liberado e accesible.

Foi localizado por outro veciño, que viu a vítima tendida no chan. Decontado, chamou ao 112 Galicia para informar da situación e para que fosen mobilizados os recursos necesarios. Así, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitaron a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Verín e dos axentes da Garda Civil. 

Pola súa parte, o equipo sanitario nada puido facer pola vida deste señor, pois estaba xa sen vida, e os bombeiros descartaron a excarceración porque o corpo estaba liberado e accesible. Non obstante, indicaron que, polo estado do tractor, parecía que envorcara e mesmo dera varias voltas de campá. De feito, os veciños explicaron que escoitaron a vítima saír co seu tractor pola mañá, polo que é posible que sufrira un accidente cando o estaba manexando.

En calquera caso, desde o 112 Galicia, pediuse, tamén, a colaboración dos axentes da Garda Civil para coñecer todos os datos sobre o posible accidente.