Un veciño de Zas sofre un roubo con violencia na súa vivenda por parte duns falsos comerciais


  • O fillo da vítima descubriu aos estafadores no acto e estes reaccionaron con violencia para fuxir cun botín de 1000 euros

Un veciño de Zas de avanza idade e cunha importante discapacidade física e psíquica foi vítima dun roubo con violencia na súa propia vivenda.

A Garda Civil de Vimianzo detivo a un home e unha muller, veciños de Bertamiráns, como presuntos autores dun delito de roubo con violencia nunha vivenda de Zas mentres se facían pasar por comerciais dunha compañía eléctrica.

Ao decatarse da situación da vítima, un dos detidos aproveitou para rexistrar a vivenda mentres que o outro distraía ao ancián. Foi nese momento cando o fillo do dono da vivenda sorprendeu aos falsos comerciais, quen reaccionaron de forma violenta para fuxir cun botín de 1000 euros, causándolle algunhas lesións.

Grazas á declaración do fillo da vítima, a Garda Civil identificou aos dous detidos que xa eran coñecidos polos axentes por estar involucrados noutras investigacións anteriores.

A parella, que presenta multitude de antecedentes policiais por feitos similares por toda a Comunidade Autónoma, foi posta ao dispor do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Corcubión.