O condutor dun turismo, un modelo pick-up, perdeu a vida ao atropelar un xabaril e despois saírse da vía e chocar contra unha casa deshabitada no concello pontevedrés de Rodeiro. A vítima, de 30 anos, quedou atrapada no interior do coche polo que foi necesaria a intervención dos Bombeiros do Deza.
Este sinistro tivo lugar na estrada que une Rodeiro e Chantada, á altura do lugar de Romaces. Nese momento, unha persoa particular contactou co 112 Galicia para informar que acabara de testemuñar unha saída de vía onde o vehículo chocou contra unha casa e, a raíz do impacto, parte da estrutura do inmoble cedeu sobre o turismo. Segundo o seu relato, debido á posición na que se atopaba o coche, era difícil identificar cuantos ocupantes había no interior.
De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) puxeron os feitos en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Deza e tamén do GES de Lalín. Nada máis chegar ao lugar do accidente, os equipos de emerxencia fixeron uso do material de excarceración para liberar o condutor, e único ocupante, do vehículo sinistrado. A pesar dos esforzos do persoal sanitario, nada puideron facer por salvarlle a vida.
Convén sinalar que este operativo contou coa colaboración e apoio dos axentes da Garda Civil de Tráfico e persoal do servizo de mantemento das estradas.