Un xabaril duns 70 quilos pasea a diario polas beirarrúas e rúas de Carballo


Veciños e condutores de paso levan semanas visualizando a avalancha deste tipo de animais que entran no centro urbano carballés, poderían ser dúas mandas diferentes ou mesmo máis. Uns achéganse desde a zona do colexio Artai, estrada de Razo e outro caso rechamante é o dun só animal, probablemente unha femia duns setenta quilos, que segundo o rastro do seu avistamento podería proceder -case sempre a partir da unha da madrugada- da zona de San Cristóbal, estrada de Sísamo. Tal e como mostra o vídeo gravado a noite deste venres na confluencia das rúas Ecuador con Brasil, o animal non se inmuta tras a chegada do automóbil ao seu lado e segue comendo e coleando máis de medio minuto. A preocupación, a maiores do dano que poden causar nas colleitas, está no descoñecemento de como poden reaccionar estes animais en caso de atoparse con persoas adultas, pero sobre todo con nenos, ademais do perigo engadido para o tráfico rodado. A veciñanza pide que se tome algunha medida para tratar de erradicar estes animais do centro urbano, que podería pasar por unha batida con pistolas de dardos para sedalos e devolvelos a un hábitat natural lonxe dos núcleos de poboación.

A Xunta estuda declarar a emerxencia cinexética temporal nalgunhas zonas de Galicia

A Xunta de Galicia tratou este problema a nivel autonómico esta pasada semana, estuda volver a empregar a declaración da emerxencia cinexética temporal nalgúns puntos da Comunidade como un instrumento temporal e extraordinario para facer fronte aos danos causados polo xabaril. A medida, que na práctica permite abater ou capturar exemplares fora do límite de cota durante o período hábil de caza, deberá someterse a un estudo previo en base ao cal se decidirá a que áreas e concellos concretos afectaría, tendo en conta os datos máis recentes de avisos por danos, accidentes de tráfico, concentración de explotacións de porcino e demais parámetros que concorran para valorar a incidencia do xabaril en cada zona xeográfica da Comunidade.