O alcalde de Vigo, Abel Caballero, deu conta dunha sentenza do Contencioso Administrativo número 1 de Santiago de Compostela que anula as resolucións sancionadoras que a Xunta impuxo ao Concello de Vigo polo estado da auga nos anos 2017 e 2018. Trátase dunha sentenza firme que anula as multas recorridas por Aqualia por infrinxir o trámite de audiencia e que condena en costas á administración autonómica
Segundo detallou o rexedor, a Xunta impuxo á empresa concesionaria da auga en Vigo catro sancións por importe total de 24.200 euros debido ás supostas irregularidades: falta de colaboración coa actuación de control dos inspectores farmacéuticos de saúde pública; incumprimento reiterado dos requirimentos específicos formulados pola xefatura territorial de Sanidade; incumprimento por aplicación de medidas correctoras que non garantiron a potabilidade da auga de consumo e incumprimento pola realización das análises de control de auga nun laboratorio non acreditado.
Caballero cualificou de “durísma” a sentenza xa que impón á Xunta as costas do proceso ao tempo que declarou a non conformidade a dereito da resolución impugnada. Estas sancións, lembrou, impuxéronse durante a “difícil” etapa seca que viviu a cidade no ano 2017, cando era conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña. Na súa opinión, estas sancións foron un ataque máis da Xunta á cidade de Vigo.