Un xurado popular declarou culpable de homicidio ao home acusado de matar a un mozo a paus en Ortigueira

1 minutes read

Segundo mantén a fiscalía, unha discusión entre dous homes, no verán de 2020, nunha estrada da parroquia de Santa María de Mañón acabou cun deles gravemente ferido e morto, seis días despois.

A vítima, un veciño de Ortigueira de 30 anos, circulaba en coche pola estrada que atravesa a zona cando se cruzou co acusado. Tras unha discusión, baixou do vehículo e recibiu un golpe na cabeza, cun pau que había no lugar. O impacto provocoulle múltiples fracturas no cranio, e lesións cerebrais de extrema gravidade. Foi trasladado ao CHUAC, onde permaneceu ingresado ata o seu falecemento. 

Por estes feitos, a fiscalía pide para o acusado once anos de prisión por homicidio. Tamén reclama indemnizacións para a que era a parella da vítima, coa que mantiña unha relación dende había máis de dez anos, e para os seus pais e a súa irmá. En total máis de 245.000 euros polos danos psicolóxicos e emocionais derivados da súa morte, así como máis de once mil euros para o Sergas polos gastos sanitarios derivados da súa atención.

As acusacións particulares elevan a pena a 25 anos por un delito de asasinato. A defensa pola súa banda pide a absolución alegando que houbo confesión e dilacións indebidas en todo o proceso.