Unanimidade en Frades para instar á Xunta a cubrir as baixas dos médicos titulares e o servizo de pediatría


O Pleno Municipal de Frades, reunido na tarde do venres de maneira extraordinaria, aprobou por unanimidade unha moción do grupo municipal socialista para instar á Consellería de Sanidade a cubrir os postos dos médicos titulares do municipio cando estes non poidan acudir a facer o servizo así como restablecer o servizo de pediatría. Unha sesión solicitada polo grupo socialista e con este único punto na orde do día.

“Os dous médicos titulares do noso concello non están no seu posto e, no canto de cubrir as baixas, só mandan un médico e co horario incompleto. Algo que fai que os nosos veciños e veciñas se sintan desprotexidos e desatendidos”, expuxo o voceiro socialista, Enrique Astray Otero. Unha situación que actualizou o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, ao confirmar que “con data 1 de decembro xa se reincorporou a médica que estaba con permiso de excedencia e sabemos que o segundo médico farao nos próximos días, se ben a día de hoxe continúa de baixa”.

Sobre o servizo de Pediatría, lembrou que estaba centralizado en Ordes, onde unha das dúas pediatras se desprazaba 3 ou 4 horas a Frades nun día e outras 3 ou 4 horas a Mesía noutra xornada. Porén houbo problemas á hora de prestar o servizo, sancións incluídas, que quedou finalmente centralizado no centro de saúde de Ordes. “Propuxemos distintas fórmulas pero non houbo solución: que a mesma persoa viñera nun mesmo día a Frades a a Mesía, que viñera a que está prestando servizo en Tordoia, pois non ten moitas tarxetas sanitarias, pero non queren e teñen todo o dereito a negarse”, explicou Rey Martínez. Así, o alcalde de Frades confirmou que “mentres non haxa novos pediatras ou unha das actuais acceda á nosa proposta, o servizo de Pediatría seguirá centralizado en Ordes”.

Finalmente, aínda que compartiu totalmente a moción presentada polo grupo socialista, Roberto Rey tamén lembrou que “durante a pandemia tivemos dous anos pechado o consultorio de Abellá e dicíase que non ía abrir máis e á vista de todos está que volver abrir as súas portas en canto rematou a pandemia, tal e como nos aseguraran”.