Unanimidade na Laracha para solicitar unha subvención e transferencia de parte da DP-1913

Imaxe de arquivo dun pleno ordinario na Laracha.

  • O pleno ordinario celebrado este venres comezou gardando dous minutos de silencio (un en memoria das vítimas da violencia de xénero e o outro, en recordo dos falecidos pola covid-19).

Por unha parte houbo unanimidade na proposta de acordo para solicitar á Deputación da Coruña tanto a transferencia da titularidade da Avenida Doutor López Astray, tramo urbano da estrada provincial DP-1913 ao seu paso pola vila da Laracha, como a subvención nominativa para financiar integramente a obra de humanización desa vía.

Por outra banda, o Pleno tamén acordou por unanimidade o cambio de uso dunha parcela dotacional de titularidade municipal situada na parte posterior do IES Agra de Leborís, pasando de ter unha cualificación como sistema local de equipamento educativo a sistema local de equipamento educativo e deportivo de carácter público.

A Corporación Municipal da Laracha acordou aprobar a Conta Xeral correspondente ao exercicio 2020.

No apartado de mocións foron aprobadas 2 mocións presentadas polo Partido Popular instando ao Goberno español á adopción de medidas para a rebaixa do prezo da luz e contra a Orde Ministerial de inclusión do lobo no listado de especies en réxime de protección especial e unha  terceira moción presentada polo grupo socialista sobre a reformulación da Atención Primaria cunha emenda presentada polo PP.