- Participan 64 rapaces de idades comprendidas entre os 5 e os 14 anos.
A undécima edición do campus de baloncesto que organiza o Concello da Laracha estase a desenvolver nas instalacións do pavillón polideportivo municipal da Laracha. O programa consta de cinco xornadas, desde este luns e ata o venres, que se están a realizar en horario de 10:30 a 13:30 horas.
A actividade, incluída no programa municipal de verán, vai dirixida a nenos de entre cinco e catorce anos de idade, contándose con sesenta e catro rapaces inscritos. Este martes recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira de deportes, Patricia Bello.
O obxectivo deste campus é fomentar a práctica do baloncesto e tamén iniciar nesta modalidade deportiva aos nenos que non tiveron contacto con ela, xa que non foi necesario ter coñecementos previos para poder inscribirse. Os rapaces terán ocasión de aprender aspectos técnicos, tácticos e tamén cuestións relativas ao regulamento do baloncesto.