Polo menos 150 persoas morreron e máis dun cento tiveron que ser atendidas en Seúl (Corea do Sur) algunhas delas con feridas de gravidade, tras producirse unha avalancha de xente no popular barrio de Itaewon. Os falecidos estaban en parada cardiorrespiratoria, como a maioría dos feridos que participaban nunha festa do Hallloween. O presidente surcoreano ordenou executar unha operación de emerxencia para subministrarlles os primeiros auxilios aos afectados e que dispoñan de camas e atención hospitalaria. A avalancha produciuse nas proximidades do Hotel Hamilton, nun barrio lindeiro cunha base militar estadounidense que se converte cada ano no punto máis concorrido para celebrar o Halloween na cidade. A policía estimaba que habería unhas 100.000 persoas na zona para celebrar a festa deste ano.