Unha cafeteira sobre unha vitro acesa puido acabar en traxedia no centro de Carballo

1 minutes read

Un conato de incendio nun domicilio puxo en alerta aos servizos de emerxencia ás 9:00 da mañá deste domingo en Carballo. O 112 Emerxencias Galicia recibiu a chamada dun particular que informaba da saída de fume dunha vivenda ubicada no número 34 da céntrica rúa Desiderio Varela.

Unha vez que os Bombeiros chegaron ao punto comprobaron que os residentes na vivenda xa se atopaban fóra dela, e tras acceder á mesma atopárona ennegrecida polo fume, pero sen lume e apenas quedaba fume dentro, aínda así procederon á ventilación do inmoble. Tras unha inspeción ocular, localizaron a orixe do lume na cociña, nunha máquina de café que quedou pousada sobre unha placa vitrocerámica acesa.

Os bombeiros non tiveron que empregar ningún elemento extintor, xa que todos os compoñentes da cafeteira desapareceran e só quedaban os restos metálicos non combustibles. O lume non chegou a propagarse ao resto de enseres, pero o fume afectou a toda a vivenda, agás ao dormitorio, xa que tiña a porta pechada, onde estaban as persoas durmindo. Ambas foron trasladas ao PAC de Carballo por un familiar como medida de precaución.

Ao lugar tamén acudiron a prestar apoio Protección Civil e a Policía Local. Os Bombeiros lembran a recomendación de colocar detectores de fume nas vivendas para que en caso de incendo salte a alarma e alerte aos usuarios, sobre todo cando estes están durmindo.