Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Saúde Bucodental, desde as concellarías de Sanidade e Educación poñen en marcha unha campaña coa que pretenden chegar aos 1.266 nenos e nenas de tres a sete anos escolarizados no concello.
Elíxese esa franxa de idade porque segundo a última Enquisa de Saúde Oral en España, un terzo dos/as menores de seis anos teñen caries na dentición temporal. Frear esa tendencia é o obxectivo, e por iso conta coa colaboración da odontóloga carballesa María Gómez, que percorrerá todos os coles que se sumen á iniciativa e que acompañou na presentación ao alcalde, Evencio Ferrero, e ás concelleiras de Sanidade e Educación, Maica Ures e Mar Eirís.
María Gómez incidiu na importancia de adquirir uns bos hábitos de hixiene bucodental desde a infancia, e para iso, dixo, é imprescindible a implicación das familias. A odontóloga sinalou que canto antes se empece, mellor, e que hai que ter en conta cada etapa infantil e acudir cos nenos e nenas ás revisións establecidas polo Servizo Galego de Saúde. Pero tamén é importante mentalizar á rapazada, e niso consistirá o seu labor na escola. Dadas as idades dos/as participantes, serán sesións curtas, de media hora como máximo, cunha parte práctica moi importante. E ao remate faráselle entrega a cada escolar dun estoxo cun cepillo de dentes e un temporizador para que lles resulte máis doado controlar o tempo do cepillado.