Unha certificación distinguirá ás empresas comprometidas coa igualdade e o benestar laboral


Tras 18 encontros sobre esta materia entre a Xunta, a patronal e os sindicatos, estase a ultimar a nova regulación da Certificación galega de excelencia en igualdade, un novo selo co que se distinguirá ás empresas galegas comprometidas coa igualdade entre mulleres e homes e que fomenten o benestar laboral entre os seus traballadores. Trátase dun recoñecemento público ás compañías que sexan exemplo de boas prácticas neste eido. Segundo avanzou a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, os requisitos básicos para acceder a esta marca xa foron acordados, sendo un dos seus eixos centrais lograr a eliminación da discriminación salarial nos postos de traballo. E é que para acceder á certificación esixirase que as compañías acrediten no período de vixencia da marca a igualdade de retribución por traballos de igual valor. Outra das condicións principais será que as empresas leven a cabo unha formación mínima de oito horas en igualdade laboral entre as persoas con responsabilidade na empresa, integrantes das comisións negociadoras e de seguimento.