Unha colisión entre un turismo e un tractor saldouse con dúas persoas feridas en Vimianzo


Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron na tarde deste sábado a dúas persoas que resultaron feridas a causa dunha colisión entre un turismo e un tractor á altura do punto quilométrico 72 da AC-552, ao seu paso polo lugar de Vilaseco, no concello de Vimianzo.

Ao fío das 14:30 horas, varias persoas particulares chamaron ao 112 Galicia para solicitar asistencia médica urxente para dúas persoas que resultaron feridas de diversa consideración despois de producirse unha colisión entre un coche e un tractor.

Decontado, os xestores do 112 solicitaron a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que, debido á situación dos feridos, informou da mobilización do helicóptero medicalizado con base en Santiago ata o lugar.

Para prestar apoio ao equipo médico, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitouse a intervención dos Bombeiros de Cee, dos axentes da Garda Civil e da Policía Local.

Finalmente, as dúas persoas afectadas foron trasladadas en ambulancia ata o Hospital Virxe da Xunqueira.

Unha vez que os feridos foron evacuados, os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento, xunto co persoal do servizo de mantemento das estradas, encargáronse da limpeza e restablecemento das condicións de seguridade na vía.

Desde o 112 tamén se avisou aos membros de Protección Civil da localidade por se fose necesaria a súa colaboración.