Unha colisión entre un turismo e unha furgoneta sáldase cunha muller excarcerada na Laracha

Cedida.

Unha muller necesitou axuda dos servizos de emerxencia na mañá deste venres despois de producirse unha colisión entre un coche e unha furgoneta na AC-523, ao seu paso polo concello da Laracha.

Foi necesaria a intervención dos bombeiros para excarcerar á ferida. Unha vez liberada, a muller puido ser atendida polos profesionais sanitarios, desprazados ata o lugar en ambulancia.

O accidente tivo lugar ao fío das 07:30 horas na estrada que une as localidades de Cerceda e Ledoño. Nese momento, o 112 Galicia foi informado da colisión ao recibir a chamada doutros condutores que circulaban pola vía e que puideron testemuñar que a ocupante do turismo non era quen de abandonalo polos seus propios medios.

Con estes datos, desde o 112 pasouse aviso de inmediato ao equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Arteixo e de Ordes, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local.

Deste xeito, os equipos de intervención procederon a cortar un dos carrís da estrada mentres duraron as tarefas de excarceración e ata que as condicións de seguridade puidesen ser restablecidas.

Desde o 112 tamén se informou aos efectivos de Protección Civil de Cerceda e A Laracha e tamén ao servizo de mantemento da vía.