Unha decena de centros educativos participarán na terceira edición do programa Talentos Inclusivos, unha iniciativa que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, e promovida polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña e a Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral (ASPACE) da Coruña para facilitar a inclusión das persoas con diversidade funcional.
O obxectivo do programa é incrementar o coñecemento e competencias no ámbito da ciencia e da tecnoloxía da mocidade a través da participación activa e colaborativa no desenvolvemento de desafíos tecnolóxicos. Para iso, créanse grupos de traballo formados por persoas con parálise cerebral e alumnado dos centros educativos (entre 3º de ESO e 2º de Bacharelato, así como de ciclos de Formación Profesional de grao básico) para resolver, mediante o emprego da tecnoloxía, retos que sexan de aplicación directa para mellorar a calidade de vida das persoas que presentan parálise cerebral.