Unha decena de voluntarios realizan labores ambientais na Illa de Cortegada 

1 minutes read

A illa de Cortegada, que forma parte do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, acolle esta fin de semana a 10 participantes no programa de voluntariado interxeracional impulsado pola Xunta en espazos naturais galegos, que ten como fin promover o respecto e a protección do patrimonio natural a través de diferentes accións de carácter ambiental.

Trátase dunha das 32 intervencións programadas no marco da terceira edición desta iniciativa, impulsada de forma conxunta pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Consellería de Política Social e Xuventude. Nesta ocasión ofertáronse 434 prazas, que se esgotaron rapidamente ao igual que nos anos anteriores, unha acollida que reflicte o interese e a implicación cada vez maior da cidadanía por participar neste tipo de accións e achegarse á natureza de modo diferente.