Unha delegación do Goberno rexional de Murcia visita o complexo medioambiental de Sogama

2 minutes read

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio, Sagrario Pérez, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez, recibiron ao director xeral de Medio Ambiente da Consellería murciana, Francisco Marín Arnaldos, que visitou este centro xunto co xefe de servizo de Xestión e Disciplina Ambiental, Jorge Ibernón González, e a xefa de servizo de apoio técnico á Dirección Xeral da Auga, Marisol Cano Castillo.

Durante o percorrido guiado polas instalacións coñeceron as distintas fases do tratemento que os residuos urbanos recibidos nesta empresa pública reciben desde a súa entrada en Sogama: selección e envío da parte reciclable á industria transformadora e valorización enerxética da fracción non reciclable para a súa conversión en electricidade.
Previamente, o presidente de Sogama explicou á comitiva rexional de Murcia a evolución ao longo do tempo do modelo Sogama, posicionándose hoxe como o máis moderno e eficiente da Unión Europea.

O máximo responsable da entidade tamén falou dos retos e proxectos de futuro, que estarán centrados prioritariamente na valorización da materia orgánica recollida selectivamente a través do quinto contedor, de cor marrón.

Con tal fin, a compañía galega habilitará unha rede de infraestruturas que estará conformada por tres novas plantas de biorresiduos a localizar en Cervo, Verín e Vilanova de Arousa, e que se sumarán á que está a funcionar en Cerceda baixo a xestión de Sogama. Estas instalacións estarán apoiadas por 13 plantas de transferencia que serán adaptadas para transvasar nas mesmas a materia orgánica recollida polos concellos a través do quinto contedor, propiciando a súa transformación en compost, un abono natural que será utilizado na xardinería e agricultura.

A comitiva tamén se desprazou ata o vertedoiro de residuos non perigosos de Sogama en Areosa, relegado a acoller aquela parte dos refugallos que, dadas as súas características, non pode ser reciclada nin valorizada enerxeticamente, tomando boa nota do seu funcionamento (o 85% da súa superficie xa se atopa selada).