Unha densa capa de néboa causou a suspensión dos fogos artificiais en Malpica

1 minutes read

Malpica puxo este domingo fin as súas Festas do Mar, fíxoo cun concerto de Karim O Majnaqui, artisticamente coñecido como Dasoul. Un público moi entregado, centenares de mozos, deuse cita de madrugada na zona do porto para acompañar a este artista canario e vibrar coas súas cancións. Temas sobradamente coñecidos como El no te da, Si me puerto mal ou Vuela corazón, fixeron as delicias dos asistentes ao evento.

Había ganas de festa e case todo saíu á perfección, excepto a tirada de fogos artificiais que como cada ano fan brillar a praia de Area Maior desde Canido. Unha densa capa de néboa asentouse sobre o litoral a última hora da tarde deste domingo e decidiu quedar durante a madrugada. Ás 00:00 estaba previsto o comezo do espectáculo pirotécnico, esperouse uns 30 minutos por se a néboa se disipaba, pero ao final tanto a empresa encargada da tirada como a comisión de festas acordaron suspender os lumes, dado que non alcanzarían o efecto vistoso desexado. A última hora quedaba pendente de decidir o seu aprazamento a outra data ou pasar páxina ata o ano que vén.

A procesión marítima non fallou

Decenas de embarcacións botáronse á mar na honra da Virxe do Carmen, patroa dos mariñeiros, nun roteiro marítimo que chegou ata as Illas Sisargas e que foi seguida por multitude de xente. Este ano entre as autoridades que asistiron á procesión estivo a conselleira do Mar, Rosa Quintana.