A Comisión de Seguimento creada na asemblea do 17 de febreiro presentou o resultado do seu traballo aos veciños e veciñas, que agora adaptarán as distintas alegacións á súa casuística persoal.
As alegacións deberán estar presentadas antes do luns 6 de marzo de forma telemática, en Correos ou nun Rexistro Xeral de calquera concello de Galicia.
O Concello de Brión, veciños de Cornanda e entidades contan cunha ducia de modelos de alegacións diferentes para presentar contra a concesión da central hidráulica reversible do Tambre que tramita a Xunta de Galicia.
O local social de Cornanda acolleu na noite do pasado mércores a asemblea veciñal comprometida o pasado 17 de febreiro polo alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, para a presentación dos modelos de alegacións contra a concesión da central hidráulica reversible do Tambre, que tramita nestes momentos Augas de Galicia e que foron redactadas por unha Comisión de Seguimento creada nesa mesma data. Unha comisión presidida polo propio alcalde, ausente onte por unha cuestión de saúde familiar, e integrada por 8 veciños e veciñas, un representante de cada grupo político municipal (PSOE, PP e BNG), un asesor técnico e un asesor xurídico, que se encargou de explicar á veciñanza tanto o contido das alegacións como os pasos precisos para a súa presentación ante Augas de Galicia.
Así, a Comisión de Seguimento elaborou un documento de alegacións de oito páxinas con seis alegacións principais, con varias máis de apoio. Nelas a persoa que as presente “manifesta o máis absoluto rexeitamento ás iniciativas do aproveitamento da auga que se interesan, que levarán a unha alteración irreversible do medio natural, económico e social, condicionando e mesmo chegando a facer desaparecer o estilo de vida rural imperante na zona por mor da execución da Central Hidroelécrica Reversible do Tambre que se pretende implantar”. Por iso, solicita que “se proceda a desestimar as solicitudes para a instalación dun aproveitamento hidroeléctrico no río Tambre que figuran no antedito expediente”.