As illas Cíes acolleron durante toda a fin de semana a 12 participantes no novo programa de voluntariado ambiental interxeracional, impulsado polas consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e de Política Social. Os voluntarios participaron en todo tipo de actividades ao aire libre e baixo a dirección e supervisión dos técnicos do propio Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.
Entre as accións programadas cómpre subliñar a eliminación de especies alóctonas presentes na illa; a limpeza de praias para a retirada de lixo mariño; a realización de tarefas de mantemento e adecuación de camiños e sinais; o apoio nas tarefas de guía e información; ou a reforestación con especies autóctonas.
Os 12 participantes confirmados pasaron os tres días na propia illa, polo que se aloxaron nas instalacións que ten en propiedade o Parque Nacional e tamén en tendas de campaña. Cómpre subliñar que esta é a primeira das dúas quendas de voluntariado que, no marco deste novo programa, se desenvolverán no arquipélago de Cíes –a segunda está prevista para a fin de semana do 20 ao 22 de agosto.