Unha empresa de Toques pasa de vender colchóns a facer 4 millóns de máscaras ao mes

1 minutes read

Fíxoo Espomasa Poliuretanos, unha empresa familiar radicada en Toques (A Coruña) que, con case corenta anos de antigüidade, decidiu quedar no municipio rural de pouco máis de 1.200 habitantes no que naceu e creceu. Cunha facturación en 2018 por encima dos 5 millóns de euros, a compañía da familia Castro, que conta con delegación en Portugal, exporta os seus colchóns a países como Francia, Bélxica ou Canadá. Con todo, a crise do Covid-19 impactou con forza no sector no que se move e decidiu dar un xiro á súa produción.

Tras unha minuciosa investigación adaptaron a súa maquinaria para a produción de máscaras, das que son capaces de fabricar catro millóns de unidades ao mes. As máscaras de Espomasa son hixiénicas e reutilizables, aguantando ata cinco lavados. «Desta forma, poden usarse ata seis días, polo que unha persoa pode pasar o mes con cinco máscaras», comentan desde a compañía. Comercializadas en caixas de dez, vinte e cinco e cincuenta unidades, as máscaras galegas pronto se expandiron. «Comezamos vendéndoas a cooperativas farmacéuticas que as distribúen ás farmacias e, agora mesmo, estamos a enviar xa a toda España», conta o primeiro executivo de Espomasa.