Segundo adianta o portal de noticias ruso, Sputniknews, “a vacina contra o Covid-19, Sputnik V, así como outras solucións que ofrece Rusia na loita contra o coronavirus, estarían dispoñíbeis no España, onde se distribuirían de forma exclusiva para todo o Estado polo grupo empresarial Iberatlantic Global Corporation, con sede na cidade de Vigo”. A responsable da empresa galega en Rusia e no resto de países da Comunidade de Estados Independentes, Irina Krivich, sinala en declaración a Radio Sputnik, que o grupo galego “conta cunhas magnificas relacións co sector empresarial e institucional ruso, exercendo de ponte para o seu servizo ao mercado suramericano”. A decisión de adxudicar á empresa galega a distribución da vacina correspóndenlle á fundación Roscongress, unha entidade rusa cuxo obxectivo é a promoción de proxectos empresariais nese Estado e da que Iberatlantic Global Corporation aparece como socio rexional. A directiva da empresa instou ás autoridades rusas a homologar canto antes os medicamentos ás normativas comunitarias para poder comezar coas exportacións do produto.
39