Unha enquisa dará a coñecer a percepción da cidadanía sobre os procesos de fusión municipal


A enquisa rematará de perfilarse en breve pola Xunta e pretende coñecer a opinión da poboación sobre o tamaño actual dos concellos, o seu interese sobre as fusións e outros procesos de redimensionamento municipal, así como a súa percepción sobre as consecuencias da remodelación da planta municipal. Tamén están previstas entrevistas a representantes políticos e a expertos sobre as diferentes alternativas coas que racionalizar o mapa local actual. Entre os contidos previstos inclúese tamén a análise dos procesos de fusión desde as perspectivas xeográfica e demográfica, económica e sociolóxica, xunto coa avaliación das experiencias de fusións en Galicia e propostas de actuación para incentivar os procesos de redimensionamento da planta local galega.