Ribadeo | Sacan á luz valiosos restos do galeón San Giacomo dei Galizia


A intervención subacuática forma parte dunha actuación integral que se vén efectuando anualmente desde 2018 e que acada a terceira edición co obxectivo de avanzar no coñecemento da construción naval da Coroa Española do século XVI.

As campañas desenvolvidas nos anos 2018 e 2019 consistiron na realización de sondaxes arqueolóxicas para caracterizar o pecio, concluíndose a existencia dunha grande cantidade de madeira estrutural cun estrato arqueolóxicamente fértil e que conserva, no seu interior, numerosos elementos de interese patrimonial e cuxa potencia se estima moi importante. Ademais, recuperáronse algúns dos obxectos e xeorreferenciouse e caracterizouse un pecio próximo, sito ao noroeste do galeón.

A campaña actual, que rematará o vindeiro venres, cumpre coa finalidade de obter unha visión transversal do costado de babor e, ademais, constatar que o pecio conserva preto dun 20% da estrutura da cuberta ó longo da eslora no costado de babor. Durante os traballos en marcha, os arqueólogos tamén localizaron unha cureña naval, un elemento novidoso en España que consiste nun tipo de carro para montar as pezas de artillería, así como unha gran cantidade de munición de pedra e ferro.