Unha estufa provoca un incendio nunha estancia dunha vivenda en Bergondo

Imaxe dun parque de bombeiros

Segundo a información facilitada polos equipos de intervención que acudiron ao lugar dos feitos o lume calcinou por completo unha habitación, pero, por fortuna, ninguén resultou ferido. O morador do domicilio relatou que colocara a estufa enriba da cama para facilitar a limpeza do dormitorio mentres unha aspiradora autómata percorría a estancia. A súa intención era devolver o quentador para a súa posición orixinal, pero, esquecerase de baixalo do moble. Dese xeito, a mala combustión da estufa provocou un incendio que comezou encima da cama e estendeuse por toda a estancia.

O 112 Galicia recibiu a chamada de alerta dun veciño que solicitaba medios de extinción para atallar as lapas que consumían parte dunha casa no lugar de Brea, na parroquia de Guísamo. De acordo co seu relato, todos os ocupantes atopábanse fóra da vivenda. Con estes datos, ademais dos bombeiros, os xestores do 112 informaron tamén aos axentes da Garda Civil e aos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Unha vez no punto, os equipos de extinción procederon a controlar o incendio e confirmaron que a acumulación de calor no punto era bastante elevada. De feito, os axentes da Garda Civil informaron ao 112 Galicia que parte do fume desprendido a causa do intenso lume afectara a circulación nun tramo da AP-9F. O incendio non provocou danos persoais e os bombeiros confirmaron a súa extinción completa pasadas unhas horas.