Segundo informaron as urxencias sanitarias, non houbo ningunha persoa trasladada.
Minutos despois das 22:00 horas da noite deste luns, un particular contactou co 112 Galicia para informar de que escoitara un estoupido na Avenida de Fisterra, antes de ver lapas nun edificio. Segundo outro alertador, víase saír fume desde unha fiestra e aparentaba haber tido lugar unha explosión, pois había cristais espallados pola rúa.
Con esta información, os xestores do 112 Galicia avisaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros de Arteixo, Garda Civil da Coruña, Policía Local e Servizo Municipal de Protección Civil de Arteixo.
Nunha nova comunicación, os bombeiros solicitaron asistencia sanitaria para unha persoa que estaba no domicilio no momento da explosión. Se ben non sufrira danos, a persoa atopábase desorientada.
Logo de entrar no inmoble, os membros do parque comarcal informaron ao 112 Galicia de que o gas quedara aberto nun momento no que marchou a luz. En canto volveu produciuse a explosión, logo de que se formase unha bolsa de gas no habitáculo, tal como indicaron. Isto provocou catro focos de incendio que xa estaban apagados en canto chegaron á vivenda, na que se viron afectadas varias ventás e a cociña da casa.